Xuntas Galegas pola Amnistía
As Xuntas Galegas pola Amnistía, (XUGA), chamadas a partir de 1988 Juntas Galegas pola Amnistia, é unha organización galega de defensa dos dereitos das persoas presas, en especial as vinculadas co independentismo galego.
Historia
[editar | editar a fonte]Primeira etapa
[editar | editar a fonte]Fúndanse en 1980 tras o golpe policial contra L.A.R., e as súas primeiras campañas estarán estreitamente ligadas ao devir dos presos desta organización. Así en 1981 organizan a campaña Que volvan á casa, contra a dispersión penitenciaria que afastaba os reclusos dos seus fogares, co conseguinte castigo económico que supuña para os seus familiares e o seu medio social.
En 1982 convocan e participan dunha manifestación colectiva en Santiago de Compostela, xunto a ás organizacións Asociación para Ceivar Presos Galegos, Asemblea Nacional Popular Galega, Galicia Ceibe (O.L.N.), Liga Comunista Revolucionaria, Movemento Comunista Galego, Partido Socialista Galego, e a Unión do Pobo Galego). Á manifestación, que levaba como lema Liberdade nacionalistas. Amnistía total élle negada a autorización, e prodúcense nela enfrontamentos coa policía co resultado de nove detidos e de que a marcha non consiga saír da Alameda. Ese mesmo ano, as XUGA celebran en Pontevedra a súa primeira asemblea nacional. En 1983, logo do indulto dos tres últimos presos de L.A.R., as XUGA deciden disolverse.
Segunda etapa
[editar | editar a fonte]En 1988, tras o golpe policial contra o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, as XUGA proceden á súa refundación, desta vez adaptando o seu nome á norma reintegrada, como JUGA. Ese mesmo ano constitúense tamén a sección das JUGA na emigración, con sede en Madrid. Nesta fase o seu valor como organización unitaria é discutida polo Partido Comunista de Liberación Nacional e conseguintemente aparecen en paralelo os Comités Ánti-repressivos, cos que colaborarán en múltiples ocasións.
As dúas organizacións convocan en setembro de 1988 a segunda marcha ás cadeas (a primeira fora convocada pola Frente Popular Galega en xullo do mesmo ano), tendo como obxectivo Carabanchel e Alcalá Meco. A policía impide os manifestantes accederen ao recinto dos cárceres, requisándolles tamén faixas e bandeiras. A finais dese mesmo ano organízanse distintas manifestacións, consistentes en cortes de tráfico en varias cidades de Galiza, onde reivindican o reagrupamento en Galiza dos presos galegos. Tamén se celebra en Compostela a Asemblea Consituínte da organización. En decembro dese ano a Frente Popular Galega convoca unha manifestación en Compostela co lema Liberdade. Autodeterminación. As JUGA e os Comités Ánti-repressivos súmanse a ela, e xuntan entre as tres organizacións unhas 300 persoas.
En maio de 1989 as JUGA convocan unha manifestación co lema "Liberdade independentistas.Amnistia total". Apoiada pola Frente Popular Galega, Movemento Comunista Galego, Liga Comunista Revolucionaria, Mulheres Nacionalistas Galegas, Associaçom de Vizinhos 12 de Agosto,Associaçom Juvenil Ferradura e Irmandade Ánti-repressiva d´As Pontes. A manifestación, que logra xuntar a unhas 300 persoas, estivo precedida a noite anterior por un concerto cos grupos MCD (vascos) e os galegos Raiados e Desvirgueitors.
En xuño de 1989 as JUGA denuncian no xulgado de Alcalá de Henares presuntas agresións aos presos independentistas por opóñerense á súa dispersión interna no cárcere de Alcalá Meco. Pouco despois as JUGA participan con familiares e amigos dos presos nun encerro no pazo de Xustiza da Coruña e penduran das fiestras do edificio unha faixa coa mensaxe Em Meco torturam aos nossos filhos. Familiares dos presos independentistas galegos. Os participantes foron desaloxados en dúas horas pola policía. Un novo encerro terá lugar en decembro dese mesmo ano, desta vez, na catedral de Santiago de Compostela, onde os manifestantes pasan a noite e convocan unha concentración na praza de Praterías á mañá seguinte.
En 1990 maniféstanse fronte ao Parlamento en contra do suposto empeoramento das condicións de vida dos presos, que é disolta pola policía e da que resulta varios detidos. A esta séguelle unha manifestación en marzo (cos Comités Ànti-repressivos e o lema Polos direitos humanos nas cadeas) e outra en abril, apoiada por Assembleia do Povo Unido, Asociación para Ceivar Presos Galegos, Associaçom 12 de Agosto, Mulheres Nacionalistas Galegas, o colectivo Sanitários pola Amnistia e contra a Tortura e o Movimento de Objecçom de Consciência de Ferrol. En xullo de 1990 sae á luz o primeiro número de A Treu, a revista da organización.
Terceira etapa. Escisión
[editar | editar a fonte]En novembro de 1990 celebran o seu "primeiro" congreso (segundo na orde real), onde recoñecen como presos defendibles só os militantes do Movemento de Liberación Nacional Galego, deixando fóra os outros cinco que o 12 de novembro dese ano abandonaran a organización armada. Este proceso provoca o abandono das JUGA de parte da súa militancia. Estes cinco últimos presos tamén serán expulsados da Comuna de presos independentistas da organización. A postura das JUGA é ratificada en abril de 1991.
En novembro de 1991, pouco despois do xuízo contra o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, a policía detén oito persoas, algunha delas militantes das JUGA.
Do 11 de xullo ao 25 de xullo de 1992 cinco militantes das JUGA péchanse en folga de fame na igrexa parroquial de Conxo (Santiago), reivindicando o reagrupamento dos presos e a súa volta a Galiza. En setembro de 1992 a organización entrevístase con Domingos Merino, deputado do Parlamento Galego por PSG-EG, solicitándolle o apoio do grupo ao reagrupamento en Galiza dos presos independentistas. O Parlamento debaterá en comisión unha proposición non de lei, impulsada por esta formación para xestionar en Madrid tal obxectivo, aludindo a cuestións humanitarias. A proposición será rexeitada cos votos en contra do Partido Popular, a abstención do PSOE e o apoio de PSG-EG e BNG.
En novembro dese mesmo ano as JUGA asisten en Madrid ao xuízo contra Manuel Chao do Barro, que conclúe coa expulsión do mesmo da sala, de Samartim Bouça que estaba citado como testemuña, e de varios simpatizantes no público. En 1994, durante o xuízo polo atentado de Irixoa, membros das JUGA son desaloxados da sala por vitorear ás presas Xosefa Rodrigues e Alexandra de Queirós, tamén expulsadas da mesma por desacato.
En xullo de 1995, as JUGA boicotean o acto de clausura da Pastoral Penitenciaria, en Santiago, onde participaba a secretaria de estado para Asuntos Penitenciarios Paz Fernández Felgueroso. Esta entrevístase entrevistarse con dous representantes das JUGA que lle reclaman o reagrupamento. Nesas datas celébrase un concerto de apoio aos presos organizado polas JUGA, os Comités Ánti-repressivos e ACPG.
En abril de 1996, dous militantes das JUGA encadéanse na embaixada española de Lisboa, e en maio militantes de JUGA boicotean unha conferencia de Juan Alberto Belloch en Caldas de Reis, sobre o código penal, e en xuño convocan unha manifestación baixo o lema Amnistía!, polo reagrupamento e o traslado a Galiza dos presos e presas independentistas, que reúne duascentas persoas.
En xaneiro de 1997 membros das JUGA entrevístanse co Valedor do Pobo e ese mesmo mes, convocan na Coruña unha manifestación de apoio aos tres presos trasladados á cadea desa cidade. En xuño convocan unha manifestación co lemaPres@s independentistas galeg@s oito anos sequestrad@s e o 20 de decembro de 1998, JUGA e os Comités Ánti-repressivos convocan dúas marchas ás cadeas de Teixeiro e A Lama, baixo o lema En marcha pola liberdade. A marcha repetirase ao ano seguinte, esta vez co lema Ja é hora de saca-l@s fora, desta vez só á cadea de Teixeiro, onde finalmente se atopaban todos os presos independentistas.
Cos obxectivos do reagrupamento cumpridos a organización realiza outras actividades como unhas xornadas 2001 onde se analizaban as consecuencias laborais do paso pola prisión.