[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Partido Galeguista (1978)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Galeguista
Logo
Tipopartido político español
Ideoloxíagaleguismo
Data de fundación1978
Data de disolución1984
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

O Partido Galeguista foi un partido galego fundado en 1978, reclamándose herdeiro histórico do Partido Galeguista da Segunda República Española.

Tralo fracaso electoral da coalición do Partido Popular Galego e o Partido Galego Social Demócrata, os seus dirixentes decidiron refundar o Partido Galeguista, o cal non contou co apoio dun sector do PPG contrario a dotar o partido dun contido galeguista. Convocouse unha Asemblea de reconstitución e aprobación do Documento de Principios, o 5 de novembro de 1978, no cal participaron membros históricos do PG como Ramón Martínez López que pasou a ser o presidente da nova formación e Avelino Pousa Antelo secretario xeral, sendo Antón Viana Conde o vicepresidente. Aos oito meses Pousa Antelo pasou a ser o presidente e Luís Sobrado secretario xeral. Celebrou o seu I Congreso o 4 de novembro de 1979.

Para as eleccións xerais e autonómicas de 1979 integrouse en Unidade Galega e pediu o voto positivo no referendo do Estatuto de 1980. No Congreso de xuño de 1981 o PG virou á dereita, elixiu como presidente a Alfonso Álvarez Gándara e expulsou o sector encabezado por Luís Sobrado. Nas eleccións autonómicas de 1981 presentouse en solitario e obtivo 32.623 votos (3'23%), e nas municipais de 1983 só obtivo 10.752 votos. En decembro celebrou o seu III Congreso no que Xosé Henrique Rodríguez Peña foi elixido novo secretario xeral e Indalecio Tizón Covelo, vicesecretario. Por dificultades económicas non se presentou ás eleccións xerais de 1983.

No Congreso extraordinario celebrado o 19 de febreiro de 1984, a instancias do seu secretario xeral Rodríguez Peña, decidiuse por 92 a 88 votos integrarse en Coalición Galega, o que supuxo a saída dos históricos Manuel Beiras e Avelino Pousa Antelo e algúns outros galeguistas históricos, que fundaron o Partido Galeguista Nacionalista.