[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Portal:Italia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Italia (Gl-Italia.ogg pronunciación ) (en italianoItalia[iˈtaːlja] (AFI)It-Italia.ogg escoitar), oficialmente República Italiana (Gl-República Italiana.ogg pronunciación ) (en italiano: Repubblica Italiana), é unha república parlamentaria cuxo territorio está en Europa meridional (99,97%) e no norte de África (0,03%). O territorio europeo confórmano a maior parte da península Itálica, o val do río Po e dúas grandes illas no mar Mediterráneo: Sicilia e Sardeña. O territorio africano fórmano as pequenas illas de Lampedusa, Lampione e Pantelaria.

No norte está flanqueado polo arco alpino onde limita, de leste a oeste, con Eslovenia, Austria, Suíza e Francia. O resto do territorio está circundado polos mares Lígur, Tirreno, Xónico e Adriático. Os pequenos estados da Cidade do Vaticano e San Marino son enclaves dentro do territorio italiano. Á súa vez Campione d'Italia é un concello italiano que forma un pequeno enclave en territorio suízo. A superficie total é de 301.340 km2, cunha poboación de 60,8 millóns de habitantes. A súa capital desde os tempos do Imperio romano é Roma, e foi durante séculos o centro político e cultural da civilización occidental.

No 2014 Italia, oitava potencia económica mundial e cuarta europea, é un país cun elevado nivel de vida: o índice de desenvolvemento humano é moi alto, 0,872, e a esperanza de vida é de 82,4 anos. É membro fundador da Unión Europea, da OTAN, do Consello de Europa e da OCDE; adherido á ONU e ó tratado de Schengen. É ademais membro do G7, do G8 e do G20; participa no proxecto Nuclear Sharing da OTAN, é unha gran potencia rexional europea, capaz de exercer influencia política sobre opcións e decisións de orde extraeuropeo e internacional, e está en novena posición do mundo por gasto militar. En Roma teñen a súa sede numerosas organización internacionais coma a Organización para a Agricultura e a Alimentación, o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola, o Glocal Forum ou o Programa Mundial de Alimentos.

Italia posúe o maior número de sitios declarados patrimonio da Humanidade pola UNESCO. É o quinto país do mundo e terceiro da Unión Europea que máis turistas recibe por ano, sendo Roma a terceira cidade máis visitada. Outras cidades importantes son Milán, centro industrial e finaceiro, e, segundo o "Global Language Monitor", a capital da Moda; Turín, centro da industria automobilística e do deseño industrial, Boloña, coa universidade máis antiga do mundo; as cidades históricas de Venecia, Florencia e Nápoles etc.

Artigo destacado

editar

O Reino de Italia foi un estado creado por Napoleón Bonaparte en 1805 cando, despois da súa coroación como emperador transformou a República Italiana en Reino de Italia, autoproclamándose rei e nomeando vicerrei ao seu fillastro, Eugène de Beauharnais. Polo tanto foi un estado integrado no Primeiro Imperio Francés.

Abranguía principalmente as rexións italianas da Lombardía, a Emilia-Romaña e tamén, en menor medida, o Véneto e a Toscana.

O reino foi disolvido tras a abdicación de Napoleón en 1814 (e a inmediatamente posterior do seu xenro e vicerrei) como consecuencia da derrota final do emperador na batalla de Waterloo, que puxo fin ás Guerras Napoleónicas.

O Reino napoleónico de Italia foi considerado pola historiadora anglo-italiana Jessie White como o embrión do estado unitario italiano establecido en 1861.

Cidade destacada

editar

Roma é unha cidade, capital da Italia e da rexión do Lacio, provincia de Roma, con 2.754.440 habitantes (2010). Esténdese por unha área de 1.285 km², tendo unha densidade de poboación de 2.136,13 hab/km². Ten máis de 3,33 millóns de habitantes na súa zona metropolitana.

A cidade, que xurdiu no século VIII a.C., foi capital do Imperio Romano, e antes dun reino e unha república (ver Roma Antiga).

Roma é unha das cidades con maior importancia na historia mundial, sendo un dos símbolos da civilización europea e centro espiritual do catolicismo. Conserva numerosas ruínas e monumentos de tres milenios na parte da cidade antiga, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e que congrega cada ano a millóns de visitantes.

No interior da cidade encóntrase tamén o estado do Vaticano, residencia do Papa desde o século I. Tras o repregamento do dominio de Bizancio no século VII, foi centro dos Estados Pontificios ata a súa anexión en 1870 por parte do Reino de Italia.

Divisións administrativas
Categorías
Biografía destacada

editar

Michelangelo di Lodovico Buonarroti Simoni, coñecido xeralmente como Michelangelo ou Miguel Anxo, nado o 6 de marzo de 1475 en Caprese Michelangelo, e finado o 18 de febreiro de 1564 en Roma, foi un escultor, arquitecto, pintor e poeta do Renacemento italiano, considerado un dos máis grandes artistas da historia da arte de Occidente, tanto polas súas esculturas coma polas súas pinturas e a súa obra arquitectónica. Desenvolveu o seu labor artístico ao longo de máis de setenta anos entre Florencia e Roma, que era onde vivían os seus grandes mecenas, a familia Medici de Florencia, e os diferentes papas romanos.

Triunfou en todas as artes nas que traballou, caracterizándose polo seu perfeccionismo. A escultura, segundo declarara, era a súa arte predilecta e a primeira á que se dedicou; a continuación, a pintura, case como unha imposición por parte do papa Xulio II, e que se concretou nunha obra excepcional e magnífica, a bóveda da capela Sistina; e xa nos seus últimos anos dedicouse a diversos proxectos arquitectónicos.

Michelangelo é famoso principalmente pola creación dos frescos do teito da capela Sistina, un dos traballos máis extraordinarios de toda a arte occidental, e tamén polo Xuízo final, e o A crucifixión de San Pedro e a Conversión de San Paulo na capela Paulina do Vaticano. Entre as súas moitas esculturas cóntanse a Piedade e o David, tamén elas sublimes obras mestras, e maila Virxe, o Baco, o Moisés, a Raquel, a Lea, e estatuas de membros da familia Medici. Foi tamén el quen concibiu a cúpula da basílica de San Pedro en Roma.

Imaxe destacada
Sabías que...?
Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (3)

Artigos bos (0)

Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons