Frances Arnold
Frances Hamilton Arnold, nada en Pittsburgh o 25 de xullo de 1956, é unha científica e química estadounidense. Foi galardoada co Premio Nobel de Química no 2018 xunto a George P. Smith e Gregory Winter.[1] É pioneira na investigación de métodos de evolución dirixida para crear sistemas biolóxicos útiles, incluíndo enzimas, rutas metabólicas, circuítos de regulación xenética e organismos. É profesora de Linus Pauling de enxeñaría química, bioquímica e bioenxeñaría no Instituto de Tecnoloxía de California
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e educación
[editar | editar a fonte]Frances é filla de Josephine Inman e do físico nuclear William Howard Arnold [2] Frances graduouse no 1979 en Enxeñaría mecánica e Enxeñaría aeroespacial na Universidade de Princeton, onde se centrou en investigar sobre a enerxía solar. Despois de graduarse en Princeton traballou como enxeñeira en Corea do Sur, Brasil e no Solar Energy Research Institute de Colorado (agora chamado National Renewable Energy Laboratory). Anos máis tarde, no 1985 doutorouse en Química na Universidade de California en Berkeley, onde comezou a interesarse pola bioquímica.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Frances Arnold vive en La Cañada Flintridge, California. Casou con James E.Bailey e tiveron un fillo, James. No 2001 Bailey morreu de cancro e anos máis tarde Frances volveu a casar co astrofísico de Caltech Andrew E.Lange co que tivo dous fillos, William e Joseph. No 2010 Andrew suicidouse e 6 anos máis tarde o seu fillo William morreu nun accidente. No 2005 Frances foi diagnosticada con cancro de mama e estivo baixo tratamento 18 meses.[3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O traballo de Frances Arnold foi recoñecido e esta recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Nobel de Química no 2018 polo seu traballo pioneiro en Evolución dirixida, converténdose así na quinta muller en recibir este premio nos seus 117 anos de existencia e na primeira estadounidense.
Tamén recibiu numerosos outros premios como:
- No 2011 o Draper Prize da National Academy of Engineering (NAE) (sendo a primeira muller en recibilo),
- O premio da Society of Women Engineers[4]
- Doutora Honoris Causa en ciencias polo Dartmouth College (2017)[5]
- Premio de Tecnoloxía do Milenio (2016)[6]
- Doutora Honoris Causa en ciencias pola Escola Politécnica Federal de Zúrich (2015)[7]
- Emanuel Merck Lecture da Universidade Técnica de Darmstadt, Alemaña (2013)
- Medalla Nacional de Tecnoloxía e Innovación[8] (2013)
- Premio ENI (2013)
- Premio Charles Stark Draper (2011)[9]
- Premio de enxeñaría enzimática das Conferencias Internacionais de Enxeñaría e Genencor (2007)[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Nobel Prize in Chemistry 2018" (PDF) (en inglés). Academia de ciencias de Suecia. 210/2018. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de outubro de 2018. Consultado o 3/102018.
- ↑ "William Howard Arnold" (en inglés). 2018-10-05.
- ↑ "This Nobel winner lost a son and two husbands and survived cancer". NBC News (en inglés). Consultado o 2018-10-27.
- ↑ "Pioneer of "Directed Evolution" Wins Lifetime Achievement Award | Caltech". The California Institute of Technology (en inglés). Consultado o 31/8/2017.
- ↑ "Frances Arnold (Doctor of Science) accessdate=11/06/2017". Dartmouth College. 11/06/2017.
- ↑ "Evolutionary engineer Francis Arnold wins €1m tech prize". 25/5/2016. Consultado o 25/5/2016.
- ↑ "Doing the right things". ETH Zurich. 21/11/2015. Consultado o 23/11/2015.
- ↑ "PRESS RELEASE: President Obama Honors Nation’s Top Scientists and Innovators". whitehouse.gov. 2012-12-21. Consultado o 25/5/2016.
- ↑ "Recipients of the Charles Stark Draper Prize for Engineering" (en inglés). National Academy of Engineering. Consultado o 3/10/2018.
- ↑ "Frances H. Arnold, Enzyme Engineering Award for 2007". www.engconf.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27/03/2019. Consultado o 21/6/2018.