[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Río

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Río Sarria á saída da vila homónima.

Un río[1] é un accidente xeográfico consistente nun curso natural e permanente de auga doce, que flúe por un leito e que desemboca no mar, nun lago, noutro río, neste caso denomínase afluente. Algunhas veces terminan en zonas desérticas onde as súas augas pérdense por infiltración e evaporación. Cando o río é de pouco caudal recibe o nome de regato.

O día 14 de marzo celébrase o Día Internacional de Acción polos Ríos, co obxectivo de fomentar o coidado e protección dos ríos, como principal fonte de auga limpa do planeta, así como conciencir a sociedade para a preservación deste vital recurso natural [2] [3].

A potamoloxía (do grego Ποταμός potamós, río) é o estudo científico das augas fluviais, que abrangue conceptos como os do caudal, leito, conca, curso ou corrente, réxime, dinámica, perfil lonxitudinal e transversal, afluentes, ecoloxía, flora e fauna, recursos hídricos e hidroeléctricos ou navegación entre outros. É unha parte da hidrografía.[4][5] Polo contrario, a limnoloxía é o estudo das augas continentais en xeral.

Recentemente atopáronse ríos extraterrestres de hidrocarburos líquidos en Titán.[6][7] Así mesmo hai canles noutros planetas que poden indicar o posible paso de ríos, especialmente canles de desaugadoiro en Marte.[8] Estes ríos serven para teorizar sobre a existencia en planetas e lúas de zonas habitables estelares.

O ciclo da auga

[editar | editar a fonte]
O ciclo da auga.

Os ríos forman parte da circulación xeral da auga ou ciclo hidrolóxico. A presenza de grandes cantidades de auga é o que distingue a Terra doutros planetas coñecidos, e o que fai posible a vida. Na Terra hai máis de 1.400 millóns de km3 de auga que son continuamente reciclados e transformados ao seu paso polos océanos, a atmosfera, a biosfera e a xeosfera.

Se se mide a cantidade de auga de cada un dos compoñentes do ciclo hidrolóxico, a dos ríos só representa unha pequena parte do sistema. A maior parte é auga salgada, xa que os océanos conteñen o 96,5% da auga do noso planeta. O 3,5% restante é auga doce, concentrada principalmente nas reservas das rexións frías (69% do total, e en forma de casquetes polares, glaciares e depósitos nivais) ou no subsolo, en forma de auga subterránea (30% do total). Os lagos conteñen o 0,25%, mentres que o atmosfera acumula o 0,4%. A auga dos ríos só engade un reducido 0,006% da auga doce da Terra, pero ten unha relevancia que compensa o seu escaso volume. Isto débese a que a auga dos ríos, ao fluír debido á gravidade, erosiona e modela a paisaxe, transportando e depositando rochas e sedimentos. Outra razón é que a auga constitúe un recurso natural renovable, tanto para os humanos como para o resto de animais e, tamén, para as plantas.

O ciclo hidrolóxico iníciase cando a auga se evapora desde os mares e océanos á atmosfera. A auga atmosférica volve á Terra en forma de precipitacións de choiva, sarabia ou neve. A cantidade de auga que chega ao chan depende de varios factores, pero, en xeral, as terras altas reciben máis auga que as baixas e é por iso que nas montañas nacen a maioría dos ríos. As plantas, sobre todo as árbores, captan parte das precipitacións, mesmo, antes de chegar ao chan. A talla de árbores e a súa substitución por cultivos (deforestación) aumenta a velocidade e a cantidade de auga de choiva que chega ao chan, coa consecuente erosión puntual dos chans e o risco de inundacións.

As precipitacións que chegan a terra infíltranse nos chans, chegando ata a capa freática para converterse en auga subterránea. Ou ben, flúen lentamente, ladeira abaixo, en forma de arroios. Non toda a auga que cae durante as grandes tormentas é capaz de filtrarse: naqueles lugares onde, pola acción humana, compactouse a superficie do chan ou foi cuberta de cemento, ou naqueles lugares xa saturados de auga, o exceso de líquido acumúlase na superficie e flúe ladeira abaixo, ata o curso de auga máis próximo, en forma de regatos. O río completa o ciclo hidrolóxico ao recoller a auga da súa zona de influencia (cunca de drenaxe) e levala aos océanos e lagos, para substituír así a auga que se evapora.

Réxime hidrolóxico

[editar | editar a fonte]

A cantidade de auga que circula por un río por unidade de tempo chámase caudal, que varía no tempo e no espazo. Estas variacións definen o réxime hidrolóxico dun río. As variacións temporais ocorren durante ou xusto despois de fortes precipitacións ou da fusión da neve, e toda esta auga líquida aumenta o caudal dun río. En casos extremos pode producirse unha inundación cando o abastecemento de auga é superior á capacidade de evacuación do río, desbordando e cubrindo as zonas planas próximas (chaira inundable). A auga que circula baixo terra (subterránea) tarda moito máis en alimentar o caudal dun río e pode alcanzalo días, semanas ou meses despois da choiva ou da fusión da neve. O caudal dun río proporcionado polas augas subterráneas flutúa en función da altura do nivel freático. Se non chove en absoluto ou a precipitación media é inferior á normal durante longos períodos de tempo, o río pode quedar seco cando a achega de auga de choiva acumulada no chan e no subsolo se reduce a cero. Isto pode ter consecuencias desastrosas para a vida do río e as súas beiras e para as persoas que dependen del para o seu abastecemento de auga.

A variación espacial prodúcese porque o caudal dun río aumenta augas abaixo, xa que recolle as augas da conca de drenaxe e as achegas das concas doutros ríos que se unen a el como afluentes. Debido a isto, o río adoita ser pequeno nas montañas, preto do seu nacemento, e moito máis grande nas terras baixas, preto da súa desembocadura. Unha excepción son os desertos, en que a cantidade de auga perdida pola filtración ou evaporación á atmosfera é maior que a cantidade proporcionada polas correntes superficiais. Por exemplo, o caudal do río Nilo diminúe notablemente ao descender das montañas do Sudán e de Etiopía, a través do deserto de Nubia e o Sáhara, ata o mar Mediterráneo.

Formación dun río

[editar | editar a fonte]
Comezo dun río de montaña nos Alpes suízos (Reichenbach, Grosse Scheidegg)

Os ríos poden recibir auga de varias fontes. Ás veces, estas fontes están relacionadas directa ou indirectamente coas precipitacións. Moitas veces, a choiva descende polas ladeiras formando unha corrente superficial. Cando se concentra pode formar un curso de auga. Isto ocorre cando a superficie é impermeable, é dicir, cando non se filtra polo chan e ocorre con certos tipos de rochas. Tamén ocorre cando o volume de auga que se leva no leito é maior que o que se filtra no chan. Cando o chan está saturado de auga, prodúcese unha impermeabilización transitoria.

Os ríos tamén poden recibir auga das fontes. As augas subterráneas son unha importante fonte fluvial, porque proporciona auga moito despois das precipitacións, mantendo un caudal relativamente constante, a diferenza dos ríos que só reciben augas pluviais, que teñen un réxime moito máis irregular. Os ríos que reciben augas subterráneas son os que dispoñen dunha subministración de auga subterránea.

Unha terceira fonte é o desconxelamento. Os ríos das rexións glaciares reciben máis auga durante os meses de verán, cando a neve ou o xeo se derriten dos glaciares.

Topografía

[editar | editar a fonte]

Polo xeral os ríos, especialmente os máis grandes, divídense en tres partes principais de acordo coa súa capacidade erosiva e de transporte de sedimentos:

Curso superior ou de gravidade alta

[editar | editar a fonte]

O curso superior dun río é onde estes nacen. Xeralmente, coincide coas áreas montañosas dunha cunca determinada. Aquí o potencial erosivo é moito maior e os ríos adoitan formar vales en forma de V ao encaixarse no relevo. Cando esta parte dun río se atopa nun clima seco poden formarse ás veces barrancos, ramblas ou torrentes.[9][10]

Curso medio ou de gravidade inestable

[editar | editar a fonte]
Río Oder, Szczecin, Polonia.

Xeralmente, no curso medio dun río adoitan alternarse as áreas ou zonas onde o río erosiona e deposita parte dos seus sedimentos, o cal se debe, principalmente, ás flutuacións da pendente e á influencia que reciben con respecto ao caudal e sedimentos dos seus afluentes. Ao longo do curso medio, a sección transversal do río habitualmente irase suavizando, tomando forma de almofía seccionada en lugar da forma de V que prevalece no curso superior. Ao longo do curso medio, o río segue tendo a suficiente enerxía como para manter un curso aproximadamente recto, agás que haxa obstáculos, por exemplo diversas curvas ou montículos.[11][12]

Curso inferior

[editar | editar a fonte]
O río Xallas é un claro exemplo de río que desemboca en fervenza

É a parte onde o río flúe en áreas relativamente planas, onde adoita formar meandros: establece curvas regulares, podendo chegar a formar lagos en ferradura. Ao fluír o río, carrexa grandes cantidades de sedimentos, os que poden dar orixe a illas sedimentarias, chamadas deltas e tamén pode ocasionar a elevación da canle por encima do nivel da chaira, polo que moitos ríos adoitan discorrer paralelos ao mesmo por non poder desembocar pola maior elevación do río principal: son os ríos tipo Yazoo. Se un río que termina nunha boca moi ancha e profunda denomínase estuario.[13][14] Cando un río descende rapidamente sobre un terreo inclinado fórmanse os rápidos, saltos ou fervenzas.

Fluxos subterráneos

[editar | editar a fonte]

A maioría dos ríos, pero non todos, flúen sobre a superficie. Os ríos subterráneos flúen baixo terra en covas ou cavernas. Estes ríos atópanse frecuentemente en rexións con formacións xeolóxicas calcarias.

Tipos de ríos

[editar | editar a fonte]

Os ríos poden ser clasificados desde diversos puntos de vista, entre os que se destacan:

  • Segundo o período de actividade:[15]
    • Perennes: Son ríos de zonas temperadas e tropicais húmidas, con precipitacións distribuídas ao longo do ano. Repóñense constantemente, aínda que poden experimentar cambios estacionais e diarios no seu caudal, debido ás flutuacións das precipitacións e á contribución de cada tormenta.
    • Estacionais: Estes ríos atópanse en zonas de clima mediterráneo, onde hai estacións moi diferentes, con invernos húmidos e veráns secos. Flúen de xeito intermitente, con caudal variable.
    • Transitorios ou alóctonos: Son os ríos de lugares con clima desértico ou seco, que pode estar sen precipitacións durante anos. Isto débese á baixa frecuencia das tormentas no deserto. Porén, cando ten lugar unha tormenta, a miúdo, torrenciais, os ríos soben rapidamente e a gran velocidade. Chámanse wadis.
  • Segundo a súa xeometería ou morfoloxía, un río ou un determinado treito pode clasificarse en rectilíneo, sinuoso, meándrico, anastomosado, con illas, en estuarios, en pantanos ou mangleiros e en deltas.[16]
  • Segundo a súa idade, clasifícanse en novos, maduros ou vellos.[17]
  • Segundo a con dición de estabilidade, pode considerarse un tramo de leito con estabilidade estática, dinámica, con inestabilidade dinámica ou con estabilidade morfolóxica.[18]
  • Os tramos dun río poden ser clasificados como de alta montaña, de montaña, de aba de montaña, intermedio e de planicie.[19]
  • Segundo os seus graos de liberdade poden clasificarse como tendo un, dou ou tres.[20]
  • Segundo o material nas marxes e no fondo, poden considerarse como materiais cohesivos, non cohesivos, acoirazados, ben graduados ou con granulometría estendida, mal graduados ou de granulometría uniforme.[21]
  • Segundo as condicións do transporte sólido poden considerarse tres tipos de leitos: estable, erosionable e depositante.[22]

Concas dos ríos

[editar | editar a fonte]
Curva da Ferradura no río Colorado (Arizona), típico exemplo de meandro encaixo, formado cando o meandro divagante nun río de planicie se eleva progresivamante, afundíndose pouco a pouco no terreo, polo que conserva aproximadamente o trazado orixinal

Algúns ríos curtos e torrentes poden fluír desde a súa cabeceira ou inicio ata o mar sen converterse en afluentes ou tributarios doutro maior, nin recibir augas doutros ríos. En xeral, un río forma parte dunha rede de drenaxe (ou sistema fluvial) ocupando unha conca hidrográfica. Algunhas concas abranguen poucos quilómetros cadrados, mentres que por exemplo a conca do Amazonas se estendo ao longo de 6,14 millóns de km2.

As conacas dos ríos e as súas redes de drenaxe poden cambiar de xeito natural en períodos relativamente curtos de tempo como consecuencia de capturas fluviais.

Os ríos erosionan rochas e sedimentos e chegan a abrir leitos e vales, no que se denomina modelaxe fluvial da paisaxe. O fondo leito do río Colorado, recortou nalgúns lugares ata unha profundidade de 1,5 km, formando o Gran Canón. O canón do río Majes ou Camaná, no Perú, é aínda máis fondo, cuns 3 km de profundidade.

Os vales fluviais adoitan ter forma de V, sobre todo nas zonas montañosas de levantamento recente, mais esta forma modifícase ao longo do curso do río, ampliando ademais o seu tamaño, pendente, perfil transversal, capacidade de transporte de sedimentos e outras moitas características.[23]

Ríos navegables

[editar | editar a fonte]

Certos ríos teñen un papel importante no transporte de mercadorías (como o Rin, o Danubio, o Mosa, a Escalda, o Támese...). En Europa, dende 1992, estes ríos clasifícanse segundo a clasificación ECMT, que determina o tamaño, a capacidade e o calado dos buques e as eventuais esclusas.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

A flora e a fauna dos ríos é diferente á que se atopa nos océanos porque a auga ten distintas características, especialmente a salinidade.[24][25] As especies que habitan os ríos tiveron que adaptarse ás correntes e aos desniveis. Porén, existen numerosas excepcións, como é o caso dos salmóns, que desovan nas concas superiores ou montañosas dos ríos,[26] ou o dos tiburóns de auga doce de Nicaragua, e tamén no caso das especies mariñas que penetran nos deltas oceánicos levados pola preamar e as correntes oceánicas como sucede nos deltas do Orinoco e do Amazonas. O mesmo ocorre cos estuarios dos ríos, aínda que neste caso a entrada de especies mariñas nos ríos adoita ser momentánea durante o fluxo ou a preamra, o que se debe a que se baleiran durante o refluxo ou baixamar. Nos deltas, o que cambia durante as mareas é a maior ou menor salinidade das súas augas.

Regulación internacional

[editar | editar a fonte]

Todo estado exerce soberanía territorial sobre o curso ou a porción do curso dun río que forma parte do seu territorio.[27]

Existen dúas categorías de ríos, os ríos interiores ou nacionais, que teñen o seu curso no territorio dun estado, e os ríos que nos seu curso separan ou atravesan o territorio de máis dun estado, que tamén se chaman binacionais ou multinacionais. Estes ríos poden ser fronteirizos ou sucesivos ou ambas as dúas, como é o caso do Danubio.

Os ríos internacionalizados son aqueles en que existe liberdade de navegación que segundo sexa máis ou menos ampla pode ser a favor de todas as bandeiras ou só dos ribeiregos. A administración dun río aberto á libre navegación provoca numerosos problemas: réxime aduaneiro, pilotaxe, regulamentos portuarios, taxas etc. A norma xeral é que en principio a administración de cada sector é exercida polo respectivo ribeirego. Unha fórmula que chegou a evitar problemas, sobre todo nos ríos europeos onde a concentración da navegación é moi grande, consiste no establecemento de comisións internacionais de administración fluvial.

Ríos máis longos do mundo

[editar | editar a fonte]
Vista desde un satélite da desembocadura do río Amazonas, no Brasil.

Os catro ríos mais longos do mundo son o Amazonas, cuns 7.000 km, seguido do Nilo cuns 6.700 km, o Yangtsé cuns 6.380 km e do Mississippi-Missouri cuns 6.200 km.

O Amazonas é tamén o que posúe, de lonxe, a máis grande bacía, duns 6.150.000 km², e máis o maior caudal (uns 190.000 m³/s).

En Europa, os mais grandes son o Volga con 3.700 km e o Danubio con 2.857 km. Medir a lonxitude exacta dun río é complexo, a causa da orografía do terreo e como se adapta o río a ela. Polo dito a lista seguinte é en base á súa lonxitude aproximada[28].

Ríos de Galicia

[editar | editar a fonte]

Galiza é unha terra moi rica en ríos. Así, Otero Pedrayo definiuna como "a nación dos mil ríos alimentados por dez mil regatos pequenos".

O Miño é o río máis importante de Galicia, tanto pola súa lonxitude como polo seu caudal [29].

Velaí a relación dos ríos máis longos de Galicia (algúns deles teñen parte do seu percorrido fóra de Galicia):[30]

  1. Miño (350 km): é o río máis longo de Galicia. Nace no pedregal de Irimia na serra de Meira, e desemboca na Guarda facendo de fronteira entre España e Portugal.
  2. Sil (228 km): afluente do Miño. Nace fóra de Galicia, no cordal Cantábrico a 1 980 metros de altitude en terras do Bierzo. Entra en Galicia pola comarca de Valdeorras e xúntase ao Miño nos Peares despois de encaixarse no Canón do Sil.
  3. Navia (159 km): nace en terras de Pedrafita do Cebreiro e pasa por As Nogais e Navia de Suarna. Adéntrase despois en Asturias e desemboca en Navia no mar Cantábrico.
  4. Támega (145 km): nace nos contrafortes da serra de San Mamede e percorre 51 km por terras galegas para despois continuar por Portugal ata unirse co Douro.
  5. Tambre (134 km): nace nos montes do Bocelo, moi preto de Sobrado, e desemboca en Noia para formar a ría de Muros e Noia. É o segundo río galego máis longo, despois do Miño, que discorre só por terras galegas.
  6. Ulla (132 km): nace en terras de Antas de Ulla e desemboca en Catoira, formando a ría de Arousa.
  7. Limia (108 km): nace no monte Talariño, en Sarreaus. Discorre por Galicia uns 41 km antes de adentrarse en Portugal por Lindoso. Desemboca en Viana do Castelo.
  8. Eo (99 km): nace en Baleira e desemboca en Vegadeo formando a ría de Ribadeo, entre Galicia e Asturias. Un pequeno tramo do seu curso está en Asturias, concretamente en Santiso de Abres.
  9. Bibei (97 km): nace fóra de Galicia, en terras de Zamora. É afluente do Sil ao que se une case en fronte de Montefurado.
  10. Eume (80 km): nace na serra do Xistral e desemboca en Pontedeume para formar a ría de Ares. No seu curso baixo forma o canón do Eume dentro do parque natural das Fragas do Eume.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para río.
  2. "Día Internacional de Acción por los Ríos [ODS]" (en castelán). Consultado o 2022-11-27. 
  3. "Galicia, en el Día Internacional de los Ríos", en La Voz de Galicia 15.03.2016 (en castelán)
  4. Penck 1897, pp. 619-623.
  5. Sherwood 1829, pp. 16-18.
  6. Chu, Jennifer (xullo de 2012). "River networks on Titan point to a puzzling geologic history". MIT Research. Consultado o 21 de novembro do 2016. 
  7. O'Neill, Ian. Titan's 'Nile River' Discovered 12 de decembro de 2012
  8. Carr, M.H. (2006), The Surface of Mars. Cambridge Planetary Science Series, Cambridge University Press.
  9. "Upper course features - River landforms - GCSE Geography Revision". BBC (en inglés). Consultado o 2021-06-17. 
  10. "Landforms - Upper Course". Internet Geography (en inglés). 2015. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2020. Consultado o 2021-06-17. 
  11. "Middle course features - River landforms - GCSE Geography Revision". BBC (en inglés). Consultado o 2021-06-17. 
  12. "Landforms - Middle Course of a river - Meanders". Internet Geography (en inglés). 2015. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2021. Consultado o 2021-06-17. 
  13. "Lower course features - River landforms - GCSE Geography Revision". BBC (en inglés). Consultado o 2021-06-17. 
  14. "Landforms - Lower Course". Internet Geography (en inglés). 2015. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2021. Consultado o 2021-06-17. 
  15. Márquez, Jaime (2014-04-01). "Los diferentes tipos de ríos". Universo Marino (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2021. Consultado o 2021-06-21. 
  16. Gracia & Maza 1997, p. 6-8.
  17. Gracia & Maza 1997, p. 2.
  18. Gracia & Maza 1997, pp. 2-3.
  19. Gracia & Maza 1997, pp. 3-4.
  20. Gracia & Maza 1997, p. 4.
  21. Gracia & Maza 1997, p. 5.
  22. Gracia & Maza 1997, p. 9.
  23. Tarbuck, Edward J. "Aguas Superficiales - Valles fluviales - Valles Estrechos". Ruta Geológica. Corrientes Superficiales de Agua. p. 16. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2021. Consultado o 2021-06-19. 
  24. Cañedo, Miguel (2016-03-22). "A salinización dos ríos e lagos: unha ameaza silenciosa". U-Divulga (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2021. Consultado o 2021-06-21. 
  25. Fossatia et al. 2014, p. 48-63.
  26. Reyes, Isabel (2012-06-23). "Ciclo de vida: el asombroso viaje de los salmones". BioBioChile (en castelán). Consultado o 2021-06-22. 
  27. Barreira, Ana (28 de febreiro de 2007). "¿De quién son los ríos?". Letras Libres (en castelán). Consultado o 2021-06-17. 
  28. Amazon Longer Than Nile River, Scientists Say (en inglés)
  29. "Tiene una longitud de 310 km y un caudal medio de 340 m3/S. Es el río más largo de Galicia, y el más caudaloso una vez que recibe al río Sil, su principal afluente" "Río Miño, el río más largo de Galicia" (en castelán). Consultado o 2022-11-27. 
  30. "Los ríos más grandes de Galicia por longitud". Galicia Máxica (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]