[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Pena Molexa


A Pena Molexa.

A Pena Molexa é un monumento megalítico situado na parroquia do Val (Narón), moi preto do asentamento castrexo de Vilasuso e no camiño de acceso ao castro de Pena Lopesa.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Trátase dun grupo de penas, salientando un gran disco de pedra de varias toneladas colocado á mantenta sobre enormes rochas. A súa disposición, configurando posibelmente un monumento lunar non é accidental. Presenta na súa vista frontal unha forma discoide intencionada e foi orientada á mantenta á saída cada ciclo metónico da lúa chea. O seu folclore indica que este penedo formou parte importante dun vello culto e dunha vella crenza, e considerábase obra da divindade.

Rótulo indicador nas proximidades.

A Pena Molexa foi posiblemente un importante santuario celta, un altar que, por algunha razón, non chegou a ser cristianizado. O seu folclore aínda constitúe un exemplo da supervivencia popular do culto á Deusa Nai celta, única divindade feminina que representa a terra, o País.

O culto ás pedras é un uso relixioso que procede da noite dos tempos, e que foi espallado por toda a Europa na Idade de Bronce. Ao redor del hai lendas, contadas polas persoas máis vellas do lugar. As que perduran na tradición oral con máis sentimento son as que a veciñanza do Val escenifican na noite de San Xoán, para festexar a chegada do verán.

As lendas

[editar | editar a fonte]

A Lenda da Moura

[editar | editar a fonte]
Pormenor do megálito.

Conta a lenda que a mañá de San Xoán se lles aparece aos mozos unha Moura moi bela nunha rocha xunto a un tesouro.[1] A doncela que peitea o cabelo cun peite de ouro mentres asolla o seu ouro, anda na procura dun pretendente que a libere de pasar outro ano enteiro dentro da rocha. Mais esta ten que pór a proba o mozo para se asegurar o seu amor, polo que a Moura lle dá a escoller entre ela e o tesouro. O destino manda e o pretendente, ano tras ano, escolle a peza de ouro de máis valor.[2] Nese momento, o ouro esváese e a peza de ouro escollida se converte en ondas escachadas ou carbóns.[3] Ela quedará un ano máis á espera de repetir a historia. É unha lenda sobre o principio celta.[4]

Tamén contan que a Pena Molexa foi feita pola "Vella", que a sostén co dedo maimiño.

Lenda do rei e dos guerreiros

[editar | editar a fonte]

Esta lenda conta que ao pé da Pena Molexa hai outras rochas que son un rei e os seus guerreiros convertidos en penedos, tamén por un feitizo. Na noite do solsticio de verán, a noite de San Xoán, transfórmanse de novo en humanos, para lembrar as persoas que sempre ficaron alá para gardar a terra. Esa noite o rei e os seus homes e mulleres percorren e vixían os montes, visitan e protexen as casas, co motivo de coidar os anciáns, xa que son eles os que gardan as nosas antigas tradicións. Ao finalizar a noite solsticial, convértense unha vez máis en pedra, de onde nos espertan, ficando para todo o sempre connosco a protexer a Terra de Trasancos.

O compromiso da terra: As tres cuncas

[editar | editar a fonte]

O compromiso coa terra é un simbolismo que representa o grande respecto e amor que o pobo galego sempre sentiu polos seus costumes e pola súa terra. Este simbolismo consiste en pór en tres cuncas terra fértil, ar limpo e flor de auga pura, recollidas na noite solsticial. Colócanse en fronte das portas das casas durante todo o ano, en sinal de compromiso co coidado do que nos mantén e dá a vida: a terra.

Tamén se conta en Vilasuso que a Pena Molexa tiña un encantamento: gardaba tres mulas de ouro. Un día chegou un home cun libro. Era o libro de San Cibrán. O home leuno desde a primeira páxina ata a última, de riba a baixo, despois desleuno desde o final ata ao comezo, desenfeitizou as mulas e levounas.

Despois disto, aparecerán moitos máis encantos. Cando ninguén consegue facerse con eles, ao cabo de certo tempo vanse entón para o mar.

Din tamén que hai unha galiña con pitos de ouro, que aparecen na mañá de San Xoán. Un día, unha muller apañou os pitos, meteunos baixo da saia e foise para a súa casa. Cando chegou, os pitos xa desapareceran.

Detalle da Pena Molexa.

Os Mouros

[editar | editar a fonte]

No folclore galego, os mouros constitúen o prototipo de ser sobrenatural, unha auténtica raza mítica que reflicte valores e caracteres dunha sociedade sobre todo rural.

Os mouros, no imaxinario galego, moran en lugares onde os humanos non poden morar: baixo a auga ou a terra. Os castros, os dolmens, as covas e as profundidades das lagoas son espazos máxicos, mais principalmente son o lar dos seres sobrenaturais galegos que aparecen como os seus construtores e os seus moradores.

A Deusa Nai continúa a vivir hoxe na etnografía galega como A Moura. É un fósil vivente que, na mañá de San Xoán, ao alborexar, nos fai o presente da súa presenza, cando ven á procura dun xeneroso esposo merecedor de compartir con ela o seu amor e os seus tesouros no Alén.

Este é o caso da Pena Molexa no Val, un enorme megálito, de moitas toneladas de peso, colocado a propósito en fronte do lugar por onde sae a lúa nova no ano chamado metónico. A lenda conta que a fixo unha Vella co dedo maimiño e que o día que retire o dedo é o fin do mundo.[5]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pena Graña, A.: Narón un concello con historia de seu v. 1. Concello de Narón, 1991.
  • Pena Graña, A.: Unha Parroquia con celtas reminiscencias na Terra de Trasancos "Sancta María Maior" do Val. Narón, Fundación Terra de Trasancos, O Val, 2004.
  • Filgueira López, A.: Coñecer Narón en nove itinerarios. Concello de Narón, 1997.
  • Merlán Bollaín, E.: Contos de Trasancos, Concello de Narón, 2000.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]