[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Soidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pintura de Alexander Mann chamada O camiño solitario. A soidade pode ser desexada nalgunhas persoas, para acadar un maior estado de concentración.

A soidade é un termo que se emprega para indicar o estado no que un individuo se atopa só, sen o acompañamento doutras persoas ou seres vivos. Esta situación pode xurdir de diferentes maneiras, xa sexa por decisión do propio suxeito, polo illamento imposto da sociedade ou mesmo pola presenza dalgunha enfermidade que o obrigue a permanecer illado.

Por decisión

[editar | editar a fonte]

Aínda que atoparse neste estado durante longos períodos de tempo pode afectar de maneira negativa á maioría de persoas dificultando a súa capacidade de establecer relacións cos demais e mesmo podendo chegar a causarlles depresión, o certo é que existen algunhas minorías ás que a soidade non parece desgustarlle. Nestes grupos podemos destacar os monxes, que ven nela unha forma de iluminación espiritual e de acercamento a Deus, sen as tentacións do mundo terreal. Tamén son propensos á soidade algúns filósofos, que a ven como unha maneira de acadar a excelencia e de escapar dunha sociedade decadente, feito que declarou[1] o aclamado filósofo Arthur Schopenhauer. Non faltan tampouco os psicólogos, moitos dos cales recomendan a soidade como unha maneira de descubrir quen somos e que queremos.

Entre as soidades que un individuo pode buscar pola súa propia vontade, é importante distinguir entre a soidade física e a mental[2]. As persoas poden buscar a soidade física (é dicir, afastarse doutras persoas) para eliminar distraccións e concentrarse ou meditar máis facilmente. Con todo, individuos adestrados na soidade como o son os monxes budistas, poden chegar a altos niveis de concentración independentemente de onde se atopen (pois ignoran todo ao seu redor) sendo isto denominado soidade mental.

Por outra parte, a soidade imposta pola sociedade pode causar todo tipo de problemas para o individuo, tales como ansiedade, distorsións espazo-temporais, depresión ou mesmo alucinacións. A universidade McGill en Montreal, Canadá, realizou un experimento[3] no que illou varias persoas (que elixiran participar voluntariamente) en pequenas habitacións durante uns días e todas padeceron os síntomas mencionados.

Sinalar tamén que a carencia de grupos primarios, como a familia ou os amigos, e mesmo de lecer, pode afectar de maneira prexudicial o individuo, que pode sentirse rexeitado polo mundo. Cando a unha persoa lle faltan estes grupos pode sufrir unha desviación social de considerable magnitude, xa que a educación e ensinanzas que estes poderían outorgarlle desaparece (ou é substituída por outros grupos externos, moitas veces nocivos) e sen elas pode quedar relegada a un ser irracional.

Outros usos

[editar | editar a fonte]

Como castigo

[editar | editar a fonte]

O illamento é frecuentemente empregado para reprender os nenos que se comportan mal, sendo o máis común obrigalos a quedar mirando para unha parede durante uns poucos minutos. Tamén é usado en moitos países para confinar os prisioneiros que cometeron delitos moi graves, e mesmo para aqueles que se atopan en perigo entre os outros presos.

Como tratamento

[editar | editar a fonte]

Nas institucións psiquiátricas algúns pacientes son illados co obxectivo de atender as súas necesidades e protexer o resto de enfermos da súa influencia.

A soidade e a filosofía

[editar | editar a fonte]

Dende un punto de vista filosófico, poderiamos afirmar que os seres humanos vivimos sempre en soidade. Non nunha soidade física (illamento) ou mental, senón nunha soidade existencial, pois a nosa vida só pode ser vivida por nós mesmos. Así, nós nacemos, vivimos, e morremos sós. Ninguén máis pode vivir a nosa vida, que lle foi dada exclusivamente a cada individuo para que a vivise de acordo coas súas conviccións e decisións.

Schopenhauer declaraba que o ser humano non amaba a vida en sociedade, senón que temía a soidade, posto que nese estado tende a pensar máis e a deixarse acosar polos remorsos da súa propia conciencia. Ademais, outros filósofos como Nietzsche, Holan e Karigüe loaron o estado de soidade como medio idóneo para o pensamento e a concentración.

Limitacións

[editar | editar a fonte]

Hai constancia de que o dereito á soidade foi limitado en maior medida para as mulleres. Por exemplo, no auto de bo goberno asinado polo alcalde-xuíz de Vigo Josef Antonio Sánchez o 7 de abril de 1802, as mozas solteiras que vivían soas eran castigadas cunha pena económica e con cárcere.[4] A soidade para as mulleres aínda estaba limitada en 2015 en Arabia Saudita, onde está limitado o dereito a saíren soas á rúa.[5]

  1. Jopa (2009-09-01). "La Soledad, según Arthur Schopenhauer.". elmonomudo.com (en castelán). Consultado o 2019-05-31. 
  2. "Definición de Soledad". Definición ABC (en castelán). Consultado o 2019-05-31. 
  3. Future, Michael Bond BBC. "Cómo el aislamiento extremo distorsiona la mente". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2019-05-31. 
  4. Hargan, Teodosio. "Historia de Vigo. Cando as mozas solteiras non podían vivir soas". A Movida Vigo 1: 21. 
  5. Cabello, Adriana (28 de xuño de 2015). "Los 5 peores países para ser mujer" (en Castelán). Voces Visibles. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2018. Consultado o 26 de setembro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]