[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Mégara (esposa de Heracles)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Detalle da crátera de Paestum (350-320 a. C.), na que Heracles, no seu momento de loucura, vai botar ó seu fillo ó lume que xa consome os seus mobles. Mégara, a súa esposa, contémplao horrorizada, así como Alcmena, a nai do heroe, e o seu sobriño Iolao (ámbolos dous na galería)

Na mitoloxía grega, Mégara (ou Megara) foi a primeira esposa de Heracles.

Mégara era a filla máis vella do rei de Tebas, Creonte. Sobre os tebanos pesaba un imposto instaurado por Erxino, rei de Orcómeno, consistente na entrega de cen vacas ó ano. Heracles conseguiu reducir ós mensaxeiros de Erxino cando ían cobrar o imposto e non só librou á cidade do pago, senón que obrigou a Erxino a pagar a Tebas o dobre de gando, durante 20 anos. Como recompensa, Creonte concedeulle a man de Mégara, e a man da súa filla máis nova a Ificles, irmán de Heracles.

"Heracles recibiu de Creonte como premio á súa filla maior, Mégara".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 4, 11.)

Heracles e Mégara tiveron varios fillos: Terímaco, Creontíades e Deicoonte, segundo Pseudo-Apolodoro; Terímaco e Ofites, segundo Hixino; ou ata oito fillos, segundo Píndaro.

"De Mégara, filla de Creonte, [Heracles] tivo a Terímaco, Deicoonte e Creontíades".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 7, 8.)

Zeus era o pai de Heracles, e a esposa de Zeus, Hera (que perseguía ás amantes e fillos de Zeus), mandoulle un ramo de loucura, a consecuencia do cal Heracles matou os seus fillos, e mais dous dos fillos de Ificles.

Eurípides escribiu unha traxedia sobre este tema, baixo o título Heracles furioso [1]. Conta que, mentres Heracles descendía ó Hades en cumprimento dun dos seus Traballos, un tal Lico veu a Tebas e matou a Creonte. A seguir ía dar morte a Mégara e ós fillos, pero nese momento regresou Heracles e matou a Lico. Foi entón cando Hera fixo que louqueara, e cando, segundo Eurípides, matou os fillos e a Mégara coas súas frechas. Aínda louco, intentou matar a Anfitrión (o pai humano de Heracles) pero Atenea impediullo botando sobre el un profundo sono.

"Hércules foi enviado polo rei Euristeo en busca do can de tres cabezas. Lico, fillo de Neptuno, pensou que corría perigo e decidiu asasinar á esposa de aquel, Megara, filla de Creonte, e ós seus fillos Terímaco e Ofites, e tomar posesión do reino. Entre tanto Hércules chegou alí e matou a Lico. A continuación, enlouquecido por Xuno, matou a Mégara e a Terímaco e Ofites".
(Hixino: Fábulas mitológicas 32, 1-2.)

Esta versión dramatizada choca coa da maioría dos mitógrafos, que non contemplan a morte de Mégara senón que, recuperada a razón, Heracles exiliouse de Tebas e entregou a Mégara ó seu sobriño Iolao [2]. A seguir, foi ó Delfos a consultar ó oráculo como expiar o crime cometido.

Na cidade de Mégara (na Ática) tributábase culto ós fillos de Mégara.


  1. Séneca escribiu outra co mesmo título.
  2. Pseudo-Apolodoro engade que, en todo caso, el desexaba casar de novo, e foi cando aspirou á man de Iole, filla de Éurito (Biblioteca mitológica II, 6, 1.)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].