Illa de Tambo
Tipo | illa | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Combarro, España | |||
| ||||
Bañado por | ría de Pontevedra | |||
Características | ||||
Perímetro | 4 km | |||
Superficie | 0,28 km² | |||
A illa de Tambo atópase no fondo da ría de Pontevedra, e pertence ao concello de Poio do que esta separado por unha canle de 1,1 km pero de pouca profundidade. A súa superficie é de 0,28 km², cunha altura máxima de 80 m, aínda que toda a súa parte central supera os 50 metros de altitude. O seu perímetro acada os 4 km.
Historia
[editar | editar a fonte]Entre os diversos restos prehistóricos da illa destaca un castro, que ocupa toda a parte central da illa e está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio co código GA36041043.
No século VI construíuse unha capela, fundada por Martiño de Dumio. Froitoso de Braga converteuna en mosteiro, vinculado ao convento de San Xoán de Poio. Despois transformouse en priorado, baixo a advocación de Santa María de Graza.
No século XII a illa de Tambo pertencía á raíña Dona Urraca e foi doada ao convento de San Xoán de Poio. Os veciños de Combarro usaron a illa durante séculos, onde traballaban as súas terras e celebraban romarías. En 1589 a capela foi vítima do saqueo do corsario Francis Drake, o cal botou a figura de Santa María de Graza ao mar.
En 1745, cando o Padre Sarmiento visitou Tambo, a illa estaba deshabitada.[1]
En 1846, coa desamortización de Mendizábal, deixou de pertencer aos monxes de Poio e anos despois foi mercada polo ministro de Xustiza, Eugenio Montero Ríos. Nese mesmo século construíuse un lazareto na illa, que entre 1865 e 1879 foi usado para poñer en corentena os mariñeiros que chegaban ao porto de Marín. Debido ás protestas dos cidadáns de Pontevedra, o lazareto foi trasladado á illa de San Simón, na ría de Vigo, e en 1889 a illa converteuse en penitenciaría militar.
En xullo de 1916 pola Real Orde do Plan Xeral de Balizamento da Ría de Marín acordouse erguer o faro da punta de Tenlo Chico, na pequena península do mesmo nome que mira cara ao sur, diante do porto de Marín.
A torre, de 38 metros de altura, ergueuse entre 1921 e 1922, alumeando por vez primeira aos mariñeiros na noite do 30 de novembro de 1922, con luz branca de ocultacións equidistantes e un alcance de 15 millas náuticas.
O proxecto do faro de Joaquín González Díaz redactado en 1918, refórmao o enxeñeiro de camiños Ramiro Pascual Lorenzo, responsable do servizo de Obras Públicas en Pontevedra. A estrutura presenta un curioso formato de torre troncocónica de formigón armado revestido de perpiaños, cunha escala helicoidal exterior que sobe ata á lámpada.[2]
Coa creación da Escola Naval Militar de Marín, en 1943 a illa militarizouse e pasou a ser utilizada como arsenal. Foi nese ano cando os herdeiros de Montero Ríos venderon a illa á Armada Española. Ata 2005, os herdeiros seguiron figurando como propietarios dunha quinta parte da illa.
A Armada deixou de cualificar a illa como enclave estratéxico en 2002, o que disparou as expectativas de que puidese ser cedida á Xunta de Galicia e incorporada ao Parque nacional das Illas Atlánticas, para o que antes debería ser declarada parque natural.[3] Porén, a illa continúa baixo xurisdición militar.[4]
O 14 de abril de 2013, un grupo de veciños e veciñas de Combarro fixeron unha declaración de independencia simbólica na illa como acto de denuncia polo estado de abandono que sufriu logo da desmilitarización.[5] En outubro de 2018, logo dun período de peche da illa que durou dous anos, a Escola Naval comezou de novo a permitir visitas organizadas á illa.[6]
En 2022 o Ministerio de Defensa realizou unha cesión demanial por 25 anos da illa a favor do Concello de Poio.[7]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da illa de Tambo.
-
Illa de Tambo
-
Faro da illa.
-
Padexeiras e patrulleira Cabaleiro A19 da Garda Civil fronte á illa.
-
Fragata pasando por diante da illa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Méndez Martínez, Gonzalo; Ovejero Campos, Aida (outubro de 2014). "A paisaxe e o patrimonio cultural. Axenda estratéxica para a illa de Tambo" (PDF). Universidade de Vigo. p. 14. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de febreiro de 2023. Consultado o 9 de febreiro de 2023.
- ↑ SL, (TYPE=name)Aaccentia Multimedia; (TYPE=email)info@aaccentia.com. "El faro de Tambo - APMARIN". www.apmarin.com (en castelán). Consultado o 2024-05-06.
- ↑ "Tambo opta a parque natural al no poder integrarse en Illas Atlánticas". La Voz de Galicia. 1-09-2007.
- ↑ "Se reanudan las visitas a la Illa de Tambo". Faro de Vigo. 29 de setembro de 2018. Consultado o 13 de decembro de 2018.
- ↑ "Declaran "República Independente" a Illa de Tambo". Praza Pública. 16 de abril de 2013. Consultado o 13 de decembro de 2018.
- ↑ "Primera visita guiada a Tambo tras la reapertura de la isla". Diario de Pontevedra. 29 de setembro de 2018. Consultado o 13 de decembro de 2018.
- ↑ ""A cesión demanial de Tambo permitirá ao Concello asumir competencias na illa a partir do 1 de marzo de 2022"". Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2024. Consultado o 17 de xaneiro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Tambo". Diccionario enciclopédico galego universal 57. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 9. ISBN 84-7680-429-6.
- "Tambo". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2000. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Tambo". Enciclopedia Galega Universal 15. Ir Indo. 1999-2002. p. 481. ISBN 84-7680-288-9.
- Fernández de la Cigoña, Estanislao (1991). Illas de Galicia. Cíes, Ons, Sálvora, Tambo, San Simón e Cortegada. Vigo. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-582-7.
- López Vizoso, José María (2005). "Tambo, Illa de". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Illa de Tambo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Axenda estratéxica para a Illa de Tambo". 16 de decembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2019. Consultado o 16 de decembro de 2019.
- Faro da Illa de Tambo turismo.gal. Xunta de Galicia.