[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Coníferas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pinophyta»)
Coníferas

Piñeiro rubio (Pinus sylvestris)
Clasificación científica
Reino: Plantae
Superdivisión: Tracheobionta
División: Spermatophyta
Clase: Pinopsida
Subclase: Pinidae
ordes

Números de familia segundo Christenhusz et al. (2011).[1] Segundo os estudos filoxenéticos máis completos, cómpre incluír ás gnetales:[2]

As coníferas (do latín cōnum < grego κῶνος "cono, piña" e fer- "levar") son as plantas ximnospermas da división coñecida anteriormente como coniferófitos (Coniferophyta), que inclúe só unha clase, a das pinópsidas (Pinopsida).

Na súa maior parte árbores, mais tamén arbustos escandentes, presentes nas rexións tropicais e temperadas do planeta, onde son a principal compoñente da flora alpina. Son os vexetais capaces de vivir máis tempo: entre os piñeiro de California, hai exemplares con máis de 4.600 anos. No Hemisferio Norte, as coníferas forman extensos bosques en zonas de clima rigoroso que non poden poboarse por outras especies de árbores.

Exemplos de coníferas son as árbores do xénero Pinus, como os piñeiros de Europa (P. pinaster, P. pinea, P. sylvestris etc.), os abetos, as sequoias, os lárices, as piceas, os cedros, os alciprestes, as araucarias etc. As sequoias de California considéranse xigantes pola súa altura e robustez, unha vez que chegan a medir máis de 100 m de altura e poden vivir máis de 3.000 anos.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

As follas da maior parte das coníferas son acículas longas e finas, mais as Cupressaceae e algunhas Podocarpaceae teñen follas en forma de escama. Os estomas encóntranse en liñas ou manchas nas follas e poden pecharse cando o tempo está demasiado seco ou frío. As follas son xeralmente verde escuras, o que axuda a absorber o máximo de enerxía do escaso calor solar das altas latitudes ou por baixo das copas dun bosque. Na maior parte dos xéneros, as follas son persistentes, xeralmente conservándose por varios anos antes de caeren.

A casca das sequoias pode ter un tamaño de ata 50 cm.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Conos femininos de tuia (Platycladus orientalis).

A maior parte das coníferas son monoicas, mais algunhas son subdioicas ou mesmo dioicas. No entanto, en xeral os órganos masculinos e femininos encóntranse en estruturas separadas, chamadas estróbilos (tamén chamados conos ou piñas, no caso dos piñeiros).

Nas Pinaceae, Araucariaceae, Sciadopityaceae e na maioría das Cupressaceae, os conos son leñosos e, cando madurecen, as escamas xeralmente abren para liberar as sementes, que poden dispersarse polo vento ou por animais. Noutras especies, como os abetos, os conos poden desintegrarse e, aínda noutras, os conos son carnudos e comidos polos animais, que liberan as sementes coas súas feces. Os conos maduros poden permanecer na planta durante longos períodos como, por exemplo, en certas especies de piñeiros que están adaptados a fogos regulares. Nestas árbores as sementes poden ficar dentro dos conos fechados até 60-80 anos, sendo liberadas apenas cando un fogo mata a árbore.

O arilo é un cono extremamente modificado de moitas especies das familias Podocarpaceae, Cephalotaxaceae, Taxaceae e dunha especie de Cupresaceae (Juniperus), que evolucionou no sentido da dispersión das sementes polos animais.

Os conos masculinos teñen estruturas chamadas microsporanxios que producen un pole amarelado, que é xeralmente levado polo vento até os conos femininos. Os grans de pole das coníferas actuais producen tubos polínicos como a maioría das anxiospermas, onde se dá a meiose para a fertilización do gametófito feminino. O cigoto desenvólvese nun embrión que, en conxunto co seu tegumento, transfórmase nunha semente.

Os esporanxios femininos localízanse en órganos de forma cónica, chamados piñas, frecuentemente cubertos por escamas endurecidas (carpelos). As escamas encaixan perfectamente unhas nas outras e só se abren despois da fecundación, para liberar a semente. As piñas son as flores femininas e por veces pode haber outras estruturas, diferentes de piñas, como gálbulas, entre outras menos comúns.

Clasificación e filoxenía das ximnospermas

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, a división Pinophyta incluía todas as ximnospermas, mais este agrupamento sería polifilético por incluír plantas distintas como as cicadófitas e o xinkgo, que teñen unha filoxenía diferente das coníferas.

A división contén só unha clase, Pinopsida, que xa estivo dividida en dúas ordes, Pinales e Taxales, mais estudos xenéticos recentes mostraron que estes dous grupos son un clade monofilético. No entanto, están descritas outras clases e ordes de coníferas extintas, particularmente das eras Mesozoica e Paleozoica superior.

  1. Christenhusz, M.J.M, Reveal, J.L, Farjon, A., Gardner, M.F, Mill, R.R, y Chase, M.W. 2011. A new classification and linear sequence of extant gymnosperms. Phytotaxa 19: 55-70. (pdf)
  2. J. Gordon Burleigh & Sarah Mathews 2004. Phylogenetic signal in nucleotide data from seed plants: implications for resolving the seed plant tree of life. Arquivado 03 de abril de 2016 en Wayback Machine. Am. J. Bot. September 2004 vol. 91 no. 10 1599-1613